Grupo

Zoar é un conxunto de cámara estable e activo que traballa dende 2009. Medrou á procura dun estilo propio definido pola orixinalidade dos seus proxectos, un fermo compromiso coa nova creación, a colaboración con outros artistas e a realización de proxectos pedagóxicos de calidade con voluntade de achegar a súa actividade a todos os públicos.

Entre as colaboracións con outros artistas compre destacar proxectos con Monicreques de Kukas, co escritor Manuel Rivas, ou o beatboxer Carlos Vidal ‘Lytos’ no proxecto Windbox. No 2014 foron convidados como solistas á Orquestra Gaos e no 2015 ao VintEnsemble.

O interese polo repertorio descoñecido, a recuperación do patrimonio musical esquecido e o compromiso coa nova creación levou ao conxunto a explorar máis aló do repertorio tradicional da música para conxuntos de ventos e a incorporar obras de compositores esquecidos, estreas de obras xa escritas pero nunca interpretadas ou gravadas, como neste caso Alevi dedeler raki masasinda do compositor e pianista turco Fazil Say, ou The Elephant and the Clown e La Fleur de Cayenne do recoñecido clarinetista Paquito d’Rivera. Ademáis teñen estreadas pezas de compositores como Gabriel Bussi, Juan Durán, José Luis Turina, Patrick van Deurzen así como encargas propias a Xabier Mariño, Óscar Álvarez, Federico Mosquera, Fernando Buide ou Óscar Navarro. A número de arranxos e adaptacións realizados polos propios membros da formación sobrepasa os 30.

Teñen actuado nos principais escearios galegos (Teatro Colón, o Teatro Rosalía o Centro Ágora ou o Palacio da Ópera na Coruña, o Teatro Jofre de Ferrol, o Círculo das Artes de Lugo, o Liceo de Ourense, o CGAC  e a Cidade da Cultura en Santiago de Compostela) participando en acontecementos culturais da importancia como a entrega dos Premios da Cultura Galega, en sucesivas edicións das Xornadas de Música Contemporánea de Santiago de Compostela, no LVI Festival de la Ópera de A Coruña, no ciclo Enclave de Cámara de Ourense, no Ciclo de Outono do Museo de Belas Artes da Coruña, no Ciclo de Concertos Benéficos da Real Academia Galega de Belas Artes e nas tempadas das sociedades filarmónicas de Lugo,  A Coruña e Vigo. Fóra de Galicia fixeron recitais no Pais Vasco, Cataluña e Portugal. No 2016 foron finalistas aos III Premios ‘Martín Códax’ da Música.

Foron convidados conxuntamente como profesores a encontros de orquestras
xoves como a Orquestra Clásica de Xove e a Jove Orquestra Nacional de Cataluña así como a  diversos cursos de verán.

En 2016 presentaron o seu primeiro cedé “No vento” con música de Juan Durán publicado por Ouvirmos. Veñen presentar no 2017 unha doble publicación, de cedé e partituras, coa integral da música do compositor betanceiro Carlos López García-Picos.

Zoar está composto por cinco músicos, na frauta: Joan Ibáñez, coprincipal da Sinfónica de Galicia; no óboe: David Villa, principal asistente da Sinfónica de Galicia; no clarinete: Antonio Suárez, profesor do Conservatorio de Culleredo; na trompa: Benjamín Iglesias, profesor do Conservatorio Superior da Coruña; no fagot: Álex Salgueiro, coprincipal da Sinfónica de Galicia.

DSC05019

 

2015 Zoar © Todos los derechos reservados.

Uso de cookies

Este sitio web utiliza cookies para que usted tenga la mejor experiencia de usuario. Si continúa navegando está dando su consentimiento para la aceptación de las mencionadas cookies y la aceptación de nuestra política de cookies, pinche el enlace para mayor información.plugin cookies

ACEPTAR
Aviso de cookies